Tuesday 24 de September de 2024

Adxudicado provisionalmente o acondicionamento do segundo andar do Mercado como escola de hostalería


 

A xunta de goberno local do Concello de Riveira adxudicou esta semana as obras de acondicionamento do segundo andar do mercado municipal co fin de destinalo a escola de hostalería.

De entre as seis ofertas presentadas, a que obtivo unha mellor clasificación foi a empresa Eulogio Viñal, cunha oferta económica de 169.856 euros.

Cómpre lembrar que as obras que se pretenden acometer pasan pola distribución do actual espazo da planta segunda, creando un gran taller de cociña con 16 postos deseñados con mesetas pareadas (2 alumnos), formando unha matriz de 4×4 e orientados cara o posto do profesor, ou profesores. Os postos irán dotados co equipamento necesario para este cometido (placa de cociña, fregadoiro, etc..). Todo este espazo que ocupan os 16 + 1 postos de cociñas estará coroado por unha gran placa de extracción, coa derivación dos fumes a cuberta.

O andar contará ademais cunha sala ou aula de xestión de 45 metros cadrados, e dous almacéns (de 9,5 e 12 metros cadrados) precisos para o acomodo das mercancías e produtos derivados da nova actividade, así como un despacho para a dirección da escola (15,4 metros cadrados). O taller de cociña, de 137,60 metros cadrados, situarase na parte central da planta e estará conectado coa sala de xestión (aula de formación) e a carón do gran patio interior cuberto do edificio.

En total, a superficie útil suma 219,5 metros cadrados, ao que hai que engadir infraestruturas xa existentes: un corpo de aseos adaptados (un por cada sexo), un montacargas, un ascensor e as escaleiras interiores de comunicación coas outras plantas do edificio.

Cursos homologados
A intención é, unha vez finalice a actuación (a súa duración son catro meses) obter os permisos necesarios para poder impartir alí cursos homologados que contribúan a formar ou perfeccionar os coñecementos do sector hostaleiro da nosa contorna.